Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2025. A Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) quere transmitir o seu profundo malestar polas recentes declaracións do presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, nas que acusa os expresidentes Barack Obama e Joe Biden de contratar persoas con discapacidades intelectuais e problemas psiquiátricos como controladores aéreos, insinuando que estas contratacións poderían estar relacionadas co recente accidente aéreo en Washington.
Desde Cegasal consideramos que estas afirmacións son inxustas, non responden á realidade e contribúen a aumentar o estigma que sofren as persoas con discapacidade intelectual ou trastornos mentais. É fundamental recoñecer que a capacidade profesional dunha persoa non debe ser xulgada unicamente pola súa condición, senón polas súas competencias e habilidades.
En Cegasal traballamos diariamente para promover a inclusión laboral de persoas con discapacidade, demostrando que son perfectamente capaces de desempeñar funcións de alta responsabilidade e complexidade.
Declaracións como as do presidente Trump non só son despectivas, senón que tamén descoñecen a realidade e os logros acadados por moitas destas persoas no ámbito laboral.
Por todo isto, esiximos unha rectificación e desculpas públicas por parte do presidente Donald Trump en nome de todas as persoas que sofren unha discapacidade intelectual ou trastorno mental.
Consideramos que é imprescindible o traballo de todas e todos para fomentar unha sociedade máis inclusiva e respectuosa, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades sen ser obxecto de prexuízos ou discriminación.
Aproveitamos para trasladar as nosas condolencias ás familias das vítimas do accidente aéreo en Washington, esperando que se esclarezan canto antes as causas reais desta traxedia.